Plan de mellora de bibliotecas escolares

PARABÉNS aos seleccionados na resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2005/2006. Os corenta centros elixidos, máis da metade da provincia da Coruña, recibirán unha achega económica entre os 5.000 e os 7.700 euros destinados especialmente á actualización dos fondos documentais e á mellora do equipamento básico.

      Desexamos que estas axudas servan para a posta en marcha dos seus escolleitos proxectos e estamos seguros que redundarán na dinamización cultural de toda a comunidade educativa. Aos que desta quedamos fóra, ilusión para futuras convocatorias de planos coma este que xulgamos deben ter continuidade.

P.D.

       Cómpre engadirmos a reivindicación da Federación do Ensino de CC.OO que esixiu na Mesa Sectorial de Educación que a administración educativa destine persoal para desenvolver o Plan de bibliotecas con garantías de calidade. Segundo a acta:

"Queren expresar a súa queixa por non ter pasado pola Mesa o plan de bibliotecas. É positivo un plan para esta actividade pero é necesario, e por iso solicitan que vaia acompañado de recursos humanos pois non debe recaer na voluntariedade dos traballadores. En todo caso, deberá ir acompañado de liberacións horarias para realizar esas tarefas e dotación de profesorado que permita dinamizar de verdade as bibliotecas escolares. Hai que apostar claramente e comprometerse co desenvolvemento das bibliotecas nos centros e a fórmula proposta non o fai."

Categorias: Xeral

Escrito por: Serafín

No hay comentarios: