Lírico agarimo

Na pasada sesión de contacontos, o carballo con botas puxo de manifesto a profunda carga de pudor e vergonza, ata o absoluto rexeitamento dun simple estreitamento de mans ou unha aperta entre os rapaces dunha mesma clase. Se a lírica é a expresión dos sentimentos, ler poesía na aula tamén axudará a liberar a afectividade que traemos reprimida ás aulas, no peor dos casos desde a propia casa.
Lemos a semana pasada “Agarimo” de Fermín Bouza Brey:

AGARIMO
As mans, como navíos,
asulcan teu cabelo,
mar que escacha en fíos
na frente setestrelo.

Sob as douradas olas
o corazón muíña,
e enfoula as almas tolas
a infinda fariña.

O misterioso goce,
que sofre o esprito lene,
relampa no teu doce
ollar para selene.

Dun recanto do ceo
meu amor estreleiro,
pra pousar no teu seo,
apresa un bico luceiro.

E, alcendendo a candea
da venturanza miña,
canta a boa serea:
--“Acariña, acariña...”

-------------------------
NAO SENLLEIRA e SEITURA
BOUZA BREY, FERMÍN
Localización:821.1-1/BOU/nao
Resolvemos as cuestións léxicas. Dos arcaísmos (sob < SUB) aos cultismos (selene, “lúa”) e dos vulgarismos (alcender por acender) á recreación poética da fala popular (enfoular, lixar de foula, “po miúdo de fariña”). Dicionario en man, aclaramos difetentes relacións semánticas suxeridas polo poema ata acabar buscando as definicións de agarimo, cariño e amor. Alguén pide que lle repitan unha e outra vez o que significa amor para copialo na libreta, pero acaba desistindo entre os conceptos de afección profunda, inclinación, reprocidade no desexo de unión e adhesión desinteresada.
Daquela voltamos á poesía, ao “misterioso goce” que se destila entre o símil mariñeiro (mans como navíos), a metáfora muiñeira (corazón-muíño; amor-fariña), e a imaxe astronómica (bico luceiro). Ata chegarmos á canción da serea que condensa nunha repetición verbal unha idea principal: a necesidade do aloumiño.
Pois iso, apertas tamén para os que faltan a clase os venres pola tarde.
---000---
P.D.: Segue en pé a promesa de observar o setestrelo (Osa Maior) cando as nubes o permitan, e buscar en internet a posición das estrelas a noite que nacemos.

No hay comentarios: