Paz nas Escolas

Ata 27 veces lemos a palabra PAZ na recente Lei 27/2005. E é unha lei breve, de tan só catro artigos e catro disposicións. Deste xeito, a “cultura da paz” e a “non violencia” é un concepto xa vixente na lexislación española. O Goberno asume por lei o compromiso do fomento da paz, principalmente a través do sistema educativo. Esta é exposición de motivos que paga a pena ler e dar a coñecer para o vindeiro 30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz.

O século XX foi un século de profundas contradicións. Foi un século no que se produciron avances inimaxinables en moitos dos ámbitos da vida. Dende os avances tecnolóxicos, que nos poderían facer superar moitas enfermidades, reducir a pobreza e eliminar a fame, ata os cambios de cultura política, que permitiron substituír formas autoritarias de goberno por outras formas democráticas.
Non obstante, e a pesar destes avances, vimos como o século XX se converteu nun do séculos máis sanguentos da historia. As dúas grandes guerras, a Guerra Fría, os estalidos xenocidas en países coma Bosnia, Ruanda ou Kosovo ou as grandes crises económicas que favoreceron o aumento de diferenzas entre os que máis teñen e os que no teñen nada, son claros indicadores das grandes contradicións do século que vimos de deixar atrás.
Trátase, en definitiva, dun século no que prevaleceu de forma notable unha cultura da violencia, que se caracteriza por poñer de manifesto sete inseguridades graves que adoitan xerar frustracións e, consecuentemente, violencia, a escalas moi diferentes. Estas sete inseguridades puxéronse de manifesto no Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) en 1998 e son de tipo económico e financeiro, das rendas, cultural, sanitario, persoal, ambiental, e político e comunitario. Tales inseguridades atópanse na base das numerosas inxustizas e desigualdades que imperan tanto a escala local, coma rexional e, mesmo, mundial.
No marco da Década Internacional para a Cultura da Paz (2001-2010), proclamada polas Nacións Unidas, esta lei, recoñecendo o papel absolutamente decisivo que xoga a educación como motor de evolución dunha sociedade, pretende ser un punto de partida para substituír a cultura da violencia que definiu o século XX, por unha cultura da paz que ten que caracterizar o novo século.
A cultura da paz fórmana todos os valores, comportamentos, actitudes, prácticas sentimentos e crenzas que acaban conformando a paz.
Esta cultura da paz tense
que implantar potenciando a educación para a paz, a non-violencia e os dereitos humanos, a través da promoción da investigación para a paz, da eliminación da intolerancia, da promoción do diálogo e da non-violencia, como práctica que se ha xeneralizar na xestión e transformación dos conflitos.
Esta lei, amparándose no punto a.2 do Programa de Acción sobre unha Cultura da Paz, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, establece unha serie de medidas destinadas ao eido educativo e da investigación, co obxecto de establecer a cultura da paz e da non-violencia na nosa sociedade.

Lei de Fomento da Educación e Cultura de Paz. Versión en galego
Ley de
Fomento de la Educación y Cultura de Paz. Versión en castellano

Ilustración e informacións, do
Seminario Galego de Educación para a Paz

No hay comentarios: