PAAU (Setembro-2005): Lingua galega e literatura

OPCIÓN 2

Hai un fenómeno relativamente recente e progresivo que, nacido nos centros da sociedade industrializada, está chegando agora ás periferias: o ocultamento da morte. Fronte aos cortexos fúnebres nas rúas, aos veciños desfilando pola casa do finado, todo se desenvolve agora “na máis estrita intimidade”. A morte de ser un feito público retírase á esfera do privado.

¿Como valorar isto? A sociedade vitoriana poñíalles fundas ás patas das mesas porque lles recordaban as pernas das mulleres. A sociedade moderna ponlles muros aos cemiterios pola mesma razón que as avestruces meten a cabeza na area cando pensan non poder seguir fuxindo do seu perseguidor. A morte é o novo tabú que substituíu o sexo, até o punto de que case é de pouco gusto falar dela. Máis os medos non se disolven fuxindo, senón enfrontándose e aprendendo a convivir con eles. (…)

Portela, inspirándose na memoria cultural de Galicia, onde o adro da igrexa era a un tempo cemiterio e campo da festa, racha con esta privacidade malsá e recupera os mortos para o espazo público. As “casas” dos mortos bordean formando grupos, como os “lugares” das nosas aldeas, o camiño normal polo que pasan e pasean os vivos.

Marcial Gondar (adaptado), 2000.

BLOQUE I

1.- Fai un esquema coas ideas principais e secundarias do texto. (1 punto)

2.- Expón a túa opinión persoal sobre o que se di nos dous primeiros parágrafos do texto. (Mínimo 20 liñas) (2 puntos)

BLOQUE II

3.- Sinala os sufixos das seguintes palabras e indica o seu valor: relativamente, progresivo, industrializado, intimidade, perseguidor. (1 punto)

4.- Pernas e cabeza pertencen ao mesmo campo semántico. Indica outros cinco elementos que pertenzan a este mesmo campo semántico. (1 punto)

5.- Analiza sintacticamente a seguinte oración: A morte é o novo tabú que substituíu o sexo. (1 punto)

6.- A diversidade plurilingüe e pluricultural de España. Identificación das linguas, territorio que ocupan e marco legal no que se desenvolven. (Mínimo 15 liñas) (1 punto)

BLOQUE III

7.- A xeración Nós. Características. Autores e obras. (Mínimo 20 liñas) (3 puntos)

Escrito por: Serafín

No hay comentarios: