Xohán Vicente Viqueira

Co rebumbio das últimas semanas, pasou sen lembranza nestas páxinas alguén que non nos debería ser alleo na profesión: Xohán Vicente Viqueira. Nado por outubro do 1886 en Madrid, pero de familia betanceira, criouse ata os doce anos en Vixoi, pertiño do Instituto, no concello de Bergondo. Na súa traxectoria escolar, como alumno e logo como profesor, está a Institución Libre de Enseñanza. Ao cabo era sobriño de Don Bartolomé Cossio (sucesor do fundador da ILE, Francisco Giner de los Ríos).

Viqueira foi primeiros galegos con bolsa para estudar no estranxeiro. En diferentes estancias en París, asistiu a clases maxistrais de Bergson e de Durkheim e estudou filosofía e psicoloxía en Alemaña (Berlín, Gotinga, Leipzig). Con esta bagaxe publicou nos anos vinte traballos e artigos sobre pedagoxía en alemán, castelán e galego. Imparte, asemade, clases de psicoloxía, lóxica e ética no Instituto da Coruña. Aquí contacta e participa nas Irmandades da Fala ata acadar sona de vibrante orador en lingua galega.

Cómpre consultar a recente e magna obra Historia da educación e da cultura en Galicia para seguir os aspectos do seu pensamento. Entre as liñas básicas para a consecución do que chamou a “nova educación galega” estaba a galeguización do ensino, a incorporación da muller, a reforma dos métodos de ensino, a modernización do sistema ata a Universidade e os estudos técnicos... Segundo Antón Costa:  “Un pórtico para a penetración das novas ideas e orientacións psico-pedagóxicas en Galicia. Viqueira era, sen dúbida, un reformador da educación e, ademais, unha alma penetrada da beleza da terra".

Xohán Vicente Viqueira na nosa biblioteca:

ENSAIOS
Editorial: EDICIONS EL CORREO GALLEGO 1992
Localización: 821.1-3/VIQ/ens Estado: Dispoñible Rexistro: 6861
ESCOLMA DE TRABALLOS
Editorial: REAL ACADEMIA GALEGA 1974
Localización: 821.1-3/VIQ/esc Estado: Dispoñible Rexistro: 3370

 

Escrito por: Serafín

No hay comentarios: