Ser poeta.
A man esquerda sabe a froito
e a pólas a direita.
Ser poeta. Ofício de cantar os imposíbeis:
a liberdade, o val deserto, a sinxeleza
dunha fonte ou dun cacho de xiada,
a vida que pasa sen ouvir
os homes das cárceres e as ruas.
Ser poeta non é ser unha cousa calquer,
non é cantar a lua e a dona méio espida
con lóstregos nos ollos.
O poeta ten as mans e a boca cara á terra
e escoita o seu latexo,
e sabe dos obreiros que labouran decote,
dos meniños que ignoran a morte dos soldados
en guerras sen sentido.
O poeta é unha voz que quere ser do pobo,
un feixe de palabras regaladas ao vento
e aos ouvidos do mundo.
O poeta é un home. Velaí o gran segredo.


Pilar Pallarés, Entre lusco e fusco.

No hay comentarios: