HUMILDADE E COMPROMISO
Esta semana a Universidade da Coruña está a celebrar unha serie de actos en homenaxe a Isaac Díaz Pardo por mor da súa investidura como doutor Honoris Causa pola devandita universidade.
Tiven o privilexio de asistir á do luns, titulada moi acertadamente "Memoria viva". Alí estaba xunto co homenaxeado, parte da memoria viva deste país:
Avelino Pousa Antelo
Xosé Neira Vilas
Mariví Villaverde
Mimina, a dona de Isaac, e os fillos de ambos: Xosé e Camilo.
Como ben dixo a presentadora, Consuelo Bautista, "estamos nun tempo de lembranzas, de memoria activa" e nós asistimos a unha velada de lembranzas da época e da vida deste home para quen o compromiso coa terra estaba por riba do benestar persoal, un home que xamais esqueceu valores como a bondade, a valentía, a xenerosidade..., verbas tan baleiras de contido hoxe en día. Eu asistín, ante todo, a unha nova mostra da lucided, da humildade deste home. Tentarei transmitila neste artigo a través das miñas palabras e das dos propios protagonistas do acto.
Isaac naceu en Santiago en 1920, o nome vénlle polo padriño, Isaac Fraga, xefe de seu pai.
Na "Casa da Tumbona" entrou en relación con Castelao, Otero.
Na véspera do plebiscito do Estatuto de Autonomía para Galiza no 36, témolo xa facendo pintadas de apoio no chan ("porque a nós non se nos ocorría pintar nas paredes").
O Avelino contounos que o propio Isaac lle dixera que deixara de pintar "porque hai cousiñas máis importantes para facer por este país". Xosé Neira Vilas, falando de cando estivera en Cuba, relatounos como lle escribira unha carta ao Isaac, preguntándolle en que condicións iría á Cuba (do Che) para poñer en marcha unha fábrica da que tiñan todos os materiais, pero ninguén que a soubese gobernar; unha fábrica como a do Castro en Galiza. Pois ben, cal foi a resposta do noso protagonista?: "dádeme un sitiño onde durmir e alimento para vivir". Que enxeñeiro de alta cualificación iría de balde a algures?
Isaac Díaz Pardo crea Edicións do Castro aquí para publicar textos do exilio. Como dicía Mariví, el atreveuse a publicar o que moitos editores medoñentos non ousaron. Non lle importaba a rendibilidade económica.
Seu fillo Xosé defendeuno non como pintor, senón como creador ("non artista, non intérprete") de formas técnicas, científicas, económicas. Sargadelos sería a expresión máxima do seu creacionismo. E ante estas palabras, seu pai interrompeu dicindo: "Como ven vostedes teño unha boa organización de prensa e propaganda".
Falando do monumento do Campo da Rata na zona da Torre de Hércules, onde tantos foron fusilados, el dixo: "Ben, eu non fixen nada, foron os canteiros".
O acto rematouno o propio Isaac: "Recibo isto pensando que non é para min, que estou vivo, senón que é de todos eses mortos importantes"
Como non lle ía entregar a Asociación de Escritores en Lingua Galega o galardón "Os bos e xenerosos"? Quen mellor ca el para velo reflectido nas palabras que Pondal plasmou no noso himno?
E con esta humildade de seu, finalizou o acto.
Antonio estívome buscando na nosa biblioteca o material que temos deste pequeno-inabarcable home. Aí vai:
ARTISTAS GALEGOS - PINTORES (POSGUERRA I: FIGURACIÓNS)
Autor/es: VARIOS
Editorial: NOVA GALICIA EDICIÓNS, S.L. 2000
Localización: 75/VAR/art
Estado: Consulta na sala
Rexistro: 6998
Na páxina 296 hai moitas ilustracións con texto de Xavier Seoane.
Libros del:
VIAXE POLA NOSA CULTURA
Autor/es: DIAZ PARDO, ISAAC
Editorial: LUGAMI- ARTES GRÁFICAS 1998
Localización: 821.1-1/I.E/via
Rexistro: 2906
CONTRIBUCION DE URGENCIA AL ENTENDIMIENTO DE LOS PROBLEMAS DE ARTE / INDUSTRIA
Autor/es: DIAZ PARDO, ISAAC
Editorial: EDICIÓS DO CASTRO 1976
Localización: 74/SEM/18
Rexistro: 4605
EL ESCULTOR EMILIANO BARRALA
Autor/es: DIAZ PARDO, ISAAC
Editorial: EDICIÓS DO CASTRO 1965
Localización: 73/DIA/esc
Rexistro: 5557
GALICIA HOY
Autor/es: DIAZ PARDO, ISAAC
Editorial: COMPOSTELA 1991
Localización: 940.1/DIA/gal
Rexistro: 6828
Atrévome a convidarvos a todos e a todas ao acto de concesión do grao doutor Honoris Causa que terá lugar no paraninfo da Reitoría da Coruña mañá, venres 26 ás 17:00. Merece o noso respecto, apoio e ante todo agradecimento por todo o traballado desenvolvido desinteresadamente por este país.
Moitísimas grazas á Universidade da Coruña, concretamente á profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián por pasarme o cartaz (vía dixital) para empregalo neste artigo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario