Decembro, de mans engurradas tras once meses de árduo traballo esvaeuse sen permitirnos ver apenas a brancura dos seus cabelos.
O outono deixounos a súa pegada na corticeira anunciando entre follas cheas de cores as novas adquisicións de libros e películas para o fondo bibliotecario.
En novembro fomos testemuñas, unha vez máis, da perfecta simbiose entre o cinema e a literatura, e na mesa que nos dá a benvida á biblioteca puidemos atopar:
As Trece badaladas de Suso de Toro en armonía coas de Xavier Villaverde.
O Obabakoak de Bernardo Atxaga cabo do Obaba de Montxo Armendáriz.
O Novecento de Alessandro Baricco navegando de par de La leyenda del pianista en el Océano de Tim Roth.
O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas no mesmo estoxo xunto co de José Luis Cuerda..., etc..
A comezos do Nadal, mans laboriosas xa ían enchendo as CAIXAS VIAXEIRAS de:
El clan del oso cavernario
A poesía contemporánea
Cuentos y leyendas de la Ilíada
Brooklyn Follies
A vida das aves
Madame bovary
Dos pés á testa
100 errores de la naturaleza...
O profesorado foi o seu medio de transporte cara ás aulas, e así, os libros, cal aves migratorias, unha vez máis deixan os fríos andeis para iren ás mans cálidas do noso alumnado. Máis de 100 libros levaron para ler no Nadal.
Unha hora perdida? Non! Unha hora máis para abrirlles unha fendedura fantástica á Historia, ás Linguas, á Arte, ás Ciencias, á Filosofía, ás Matemáticas...
E de cara ás vacacións, a nosa biblioteca non se esqueceu de enviarlles ás nais e aos pais un boletín con suxestións para seguiren gozando da lectura. Tamén se lles indicaba que eles mesmos podían obter o carné de lectores da biblioteca escolar; un espazo máis de unión cos fillos.
Velaquí vén o 2007.
Bo ano para todo o mundo!
Comezamos xaneiro cargados de ilusións:
O concurso de marcapáxinas.
A celebración do Día da Paz.
Outra parella inseparable: a arte e a literatura.
Propósitos? Intentar mellorar cada vez máis e conseguir que a nosa biblioteca non sexa un simple almacén de libros onde "pillar" as lecturas obrigatorias, senón un punto de encontro para leren a prensa, escoitaren as últimas adquisicións de música, buscaren información na Rede para os seus traballos, e como non, formárense a través da lectura.
Ler non rima só con lecer, senón tamén con aprender.
O noso propósito? Ben ambicioso, pensaredes: transmitirlle ao noso lectorado toda a vida que latexa na nosa biblioteca.
Ánimo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario