Marcial, brigantino?

En marzo, Marcial.
Na busca de posíbeis autores para recomendar este mes na taboleiro da biblioteca, atópome con Marco Valerio Marcial. Ao buscar información sáeme unha páxina que o relaciona con Betanzos. Na información turística que a Deputación da Coruña dedica ao noso concello, lemos no derradeiro parágrafo da reseña histórica:

"Entre los personajes ilustres nacidos en Betanzos se cuenta el poeta latino Marco Valerio Marcial, Santo Toribio de Liébana, obispo de Astorga en el siglo XIV; fray Rodrigo Núñez, que intervino en importantes asuntos palaciegos durante los reinados de Juan II y Enrique IV; Juan de Betanzos, compañero de Pizarro y autor de la Historia del Imperio de los Incas; Ramón Romay, ministro de Marina y fundador del Museo Naval; Francisco Vales Villamarín, gran estudioso de historia y cultura de Betanzos, y otros muchos que sería interminable enumerar."

Trátase obviamente dun erro. Un dos poucos datos seguros da súa biografía é que era tan bilbilitano como "la Dolores". Naceu en Bílbilis, ou sexa Calatayud (Zaragoza),  o mes de marzo do ano 38 ou quizais 41 d.C.
Mentres cambian esta información e a datación de Santo Toribio, podemos ler os seus  agudos Epigramas escritos hai case dous mil anos e que seguen cargados de burla, sátira, obscenidade, procacidade e humor.

A ELIA, DESDENTADA
Se lembro, tiñas, Elia, catro dentes:
unha tose acabou con dous e outra con outros dous.
Daquela xa podes tusir sen coidado todos os días:
unha terceira tose non ten nada que facer aí.

Á BORRACHA ACERRA
Quen crea que Acerra fede a viño de onte,
equivócase: Acerra sempre bebe ata o mencer

A BASA
Fas de ventre, Basa, e non che dá vergoña, nun penico de ouro
e bebes en copa de cristal: daquela cagas máis caro.

AO PLAXIARIO FIDENTINO
O que recitas, Fidentino, éche o meu libro,
pero cando recitas mal, comeza a ser teu.

DIAULO, MÉDICO E ENTERRADOR
Hai pouco era médico, agora Diaulo é enterrador:
o que fai de enterrador, fixérao tamén de médico.

MANEIA, PORCALLANA
O teu cadelo, Maneia, lámbeche a boca e os beizos:
non me estraña, que ao can lle guste comer merda.

CONTRA ZOILO, PERSOA IMPURA
Zoilo, posto que lixas a bañeira lavando o cu nela,
Para emporcallala máis, Zoilo, mete a cabeza.

A CLOE
Podería pasar do teu rostro,
e do teu pescozo, das túas mans e das túas pernas,
e das túas tetas, do teu cu e das túas nádegas,
e, para evitarme o traballo de nomealo todo,
podería pasar, Cloe, enteiramente de ti.

CONTRA VACERRA, QUE SÓ LOUBA POETAS MORTOS
Admiras, Vacerra, só os poetas antigos
e non loubas máis que aos que están mortos.
Pídoche, Vacerra, que me perdoes: para caerte
en gracia non paga a pena morrer.

Categorias: Xeral

Escrito por: Serafín

No hay comentarios: