Mensaxe de Koïchiro Matsuura co gallo do Día Mundial da Poesía (21 de marzo)
"A poesía é un discurso capaz de restituír a todos a maxia das palabras e abrir así un espazo infindo de reflexión e diálogo sobre o mundo actual, as súas dimensións imaxinarias e as súas posibilidades.
A poesía é inestimábel para nós porque, lonxe de facer do coñecemento un fetiche, desvela a súa parte escura, insospeitada, inconclusa. Neste sentido, é un instrumento de inmensa liberdade, que non dubida en cuestionar os códigos e os poderes, o real e o representábel.
Cómpre que esta utopía da lingua, da que son portadoras a poesía e a literatura toda, quede debidamente reflectida neste día internacional, que eu quixera ver dedicado ás novas xeracións ás que debemos darlles a posibilidade de se expresaren cunha voz inventiva e sensíbel ás diferenzas.
En efecto, o que está en xogo a través da poesía é a nosa capacidade de fomentar o uso plural e crítico da linguaxe. Non só iso: a poesía ten asemade a virtude de acompañar moi de preto a nosa relación íntima coa escritura, a lectura, a tradución e a capacidadae de compartir, e daquela, hoxe máis ca nunca, é un elemento esencial do pacto que suscribimos, como parte do Decenio Internacional dunha cultura da Paz e non Violencia para os Nenos do Mundo (2001-2010), para promover unha aprendizaxe crítica e fundada nos ideais da creación artística e literaria, liberdade de expresión e diversidade cultural.
A poesía, que corresponde a un momento especial de recollemento, é tamén unha mensaxe viva sobre a pluralidade do mundo e das linguas. E hoxe máis ca nunca debemos escoitalo, pois suscita unha reflexión inquieta sobre a fraxilidade dos signos, os saberes e as culturas.
Poetas, lectores, editores, tradutores, profesores: este Día é ante todo o voso. A UNESCO acompañará tan lonxe como poida o voso labor, nun diálogo aberto ao mundo e á alteridade. É o meu desexo que, grazas a vós, a función poética se abra camiño deica a intimidade do fogar para que así, por fin, adveña un mundo de novo encantado, feito de paz e tolerancia."
Koïchiro Matsuura, Director Xeral da UNESCO.
Categorias: Xeral
Escrito por: Serafín
No hay comentarios:
Publicar un comentario