Todos realizamos asociacións misteriosas cos sentidos: un perfume, unha canción... A min o sabor da primeira orella do entroido, lévame a Cunqueiro e o seu delicioso A cociña galega..
Este foi un dos textos máis populares do escritor de Mondoñedo, publicado en galego por Galaxia e divulgado en castelán por Everest, acompañado das receitas de Araceli Filgueira. Ademais dos coñecementos culinarios e hábitos gastronómicos dos galegos, Cunqueiro aduba o texto con literatura universal. Para falar da matanza, do caldo, das ensaladas, da troita e do bacallao, dos mariscos, da caza de pluma e pelo, dos queixos e doces saca en citación a Balzac, Marcel Proust, Shakespeare, Baudelaire, Ezra Pound, Bertrand Russell, Velázquez, Lanzarote do Lago e a raíña Xenebra....
Se gustades, un pouco de Cunqueiro, ao tempo que aínda duran os efectos da dieta rica de cocido como recoñecía un compañeiro noso na sala de profesores.
"Desgraciado aquel que só coñece cociñas alleas, pero desgraciado aquel que só coñece a propia.."
"O galego segue fiel ás empanadas, aínda que se diga que o aumento do nivel dos pobos se traduce sempre nunha diminución no consumo do pan. Coido eu, ademais, que ao carácter dos galegos, vanlle as empanadas, que sempre son como unha caixa ou buzón secreto (...) é como cachear un outeiro, en busca dun tesouro."
"O sabor do chourizo nócelle ("opónse") ao do pemento. As cousas non deben levar contrarios entre si. Por iso os gregos lle chamaban "harmónico" ao cociñeiro."
"O que hai que discutir é se o viño que se beba cos pementos de Herbón (...) será branco ou tinto. En Betanzos, onde tamén teñen uns pementos pequenos moi propios, pouco carnosos, afiados de punta, ás veces moi picantes, non teñen caso de conciencia, que os comen acompañados do viño do país, do "agudelo meigo" (E engade na versión en castelán: "que es más un color y perfume que un vino, un color perfumado.")
"Pártese [o porco] en provincias tan ilustres como as del Imperio de Roma, a soá, xamóns e lacóns, a cachucha..."
"Galicia, tan mariñeira, non deu nunca cunha sopa de peixe, e aínda agora non é doado xantar unha boa nin nos grandes restaurantes."
"Para que se vexa ben o que é unha centola do noso mar, agora andan polos restaurantes e polas tabernas centolas de Francia, descoloridas, fracas, tristes, apoucadas se lles cae a carón unha das galegas, rotunda, prata e carmesí como a saia da Infanta dona Margarida de Austria, que pintou Velázquez."
"Quizabes os mellores reos sexan os que, polo tempo da sega, soben o Mandeo, deica a presa de Chelo, en Betanzos, e queren alí brincar a escada salmoeira."
"Aos galegos gústannos os nosos viños. Quizabes porque teñen máis ganas de falar ca nós, ou porque teñen un sabor fixitivo, e buscándollelo, rememoramos tempos, lugares, xentes, amores, despedidas..."
Na nosa biblioteca, Cunqueiro debe de ser dos autores máis representados con trinta rexistros. A cociña galega figura na sección de etnografía (CDU actual: 39 ET / 5704 /cociñ), e non en gastronomía á cal por certo correspóndelle o número 6, entre as ciencias aplicadas, medicina e técnica.
Máis en Internet:
Ficha e obras do autor
Monográfico do Centro Virtual Cervantes
Receitas galegas
A cociñar con Paco Feixó
Escrito por: Serafín.
Comentarios
Antonio dice:
11-02-2005 19:30:17
Excelente, sabroso y calorífico artículo!!
Web: http://
Serafín dice:
11-02-2005 23:41:00
Non sei o que ocorreu. Primeiro duplicábase o texto e agora desapareceu, como se alguén o comese. Bo proveito. Tentarei arranxalo o luns.
Web: http://
Antonio dice:
13-02-2005 19:48:18
Bueno, parece que hubo una pequeña indigestión en el artículo felizmente resuelta. Bo proveito!!