Por sexto ano consecutivo, o 21 de febreiro é o Día Internacional da Lingua Materna. A Conferencia Xeral da UNESCO escolleu esta data para conmemorar a morte a tiros da policía dos estudantes Abul Barkat, Rafiquddin Ahmed e Shafiur Rahman. Martires das manifestacións de 1952 a prol do recoñecemento da lingua bangla daquela no estado de Pakistan do Leste. O bangla ou bengalí é falada polo 98% dos habitantes do actual Bangladesh.
Este ano, o día está dedicado ao braille e á linguaxe de signos.
Nos últimos tempos está tomando corpo o que poderiamos chamar ecolingüismo. Estes son algúns datos que se manexan na UNESCO sobre a diversidade lingüística e cultural do noso planeta:
- Máis do 50% das 6.000 linguas do mundo corren perigo de desapareceren.
- Cada dúas semanas desaparece unha lingua, por termo medio.
- O 96 % das 6.000 linguas que existen no mundo son faladas polo 4% da poboación mundial.
- En tan só oito paises concéntranse a metade das linguas do mundo: Papua-Nova Guinea (832), Indonesia (731), Nixeria (515), India (400), México (295), o Camerún (286 ), Australia (260, Brasil (234).
- O 90% das linguas do mundo non están representadas en Internet.
- O 80% das linguas africanas carecen de transcrición escrita.
- As investigacións demostran que o ensino combinado da lingua materna coa lingua dominante permite aos nenos obteren mellores resultados na escola á par que estimula o seu desenvolvemento cognitivo e da súa capacidade de estudo.
- Nenos e adultos poden aprender outra lingua sen que se altere por iso o dominio da súa propia.
Categorias: Xeral
Escrito por: Serafín
No hay comentarios:
Publicar un comentario