Imos de mensaxe en mensaxe. O 2 de abril tócalle ao Día Internacional do Libro Infantil que se celebra desde 1965 a instancias do IBBY (Internacional Board on Books for Young People). Conmemórase a data de nacemento de Hans Christian Andersen (1805-1875), que este ano coincide ademais co seu II Centenario.
A sección da India foi a encargada nesta ocasión da mensaxe, escrita por Manorama Jafa, e o póster, deseñado por Jagdish Joshi. O resultado transmite Beleza e Sabedoría.
Os libros son os meus ollos máxicos
Hai moitos anos, na antiga India, vivía un neno que se chamaba Kapil. Gustáballe moito ler e era moi curioso. Na súa cabeza xurdían constantemente preguntas. ¿Por que era redondo o sol e por que a lúa cambiaba o seu aspecto? ¿Por que crecían as árbores? ¿Por que non caían do ceo as estrelas?
Kapil buscaba as súas respostas nos libros feitos con follas de palmeira escritos polos sabios. Lía todos os libros que atopaba.
Un día Kapil estaba moi atarefado lendo un libro. A súa nai deulle un paquete e díxolle: "Deixa o libro e leva esta comida ao teu pai. Debe de estar moi famento".
Kaipil ergueuse co libro na man, colleu o paquete e marchou. Continuou lendo namentres camiñaban por un carreiro difícil e accidentado. De súpeto o seu pé bateu contra unha pedra. Tropezou e caeu ao chan, a deda d seu pé comezou a sangrar. Kapil levantouse e continuou lendo, cos ollos cravados no libro. De novo volveu tropezar e a caer. Nesta ocasión doeulle moito máis, pero o texto das follas de palmeira fíxolle esquecer a súa dor.
De súpeto, apareceu un raio de luz e escoitouse unha risa melodiosa. Kapil ergueu a ollada. Unha bela muller, vestida cun sari branco, cunha auréola ao redor da súa cabeza sorríalle. Ía sentada nun elegante cisne branco. Levaba un arco nunha man e unha veena (instrumento musical de corda) nas outras dúas mans. Tendeu a súa corta man cara a el e dixo: "Fillo, impresióname a túa sede de sabedoría. Concedereiche un don. Dime ¿que é o que máis desexas?"
Kapil pestanexou abraiado. Saraswati, a Deusa da sabedoría, estaba fronte a el. Rapidamente xuntou as mans e inclinouse murmurando: "Por favor, Deusa, concédeme un par de ollos máis nos meus pés para poder camiñar namentres leo".
"Así sexa", bendiciu a Deusa. Tocou a cabeza de Kapil e desapareceu entre as nubes do ceo.
Kapil mirou cara abaixo. Un segundo par de ollos pestanexaban nos seus pés. Saltou de ledicia. Correu polas desiguais corredoiras do monte, cos ollos fixos no libro mentres os seus pés o guiaban polo camiño.
Coa súa paixón pola lectura, Kapil converteuse nun dos sabios máis lidos. A súa lenda chegou moi lonxe pola súa profunda sabedoría. Foille concedido outro nome. "Chakshupad", que en sánscrito significa "unha persoa con ollos nos pés"
Saraswati é unha Deusa mitolóxica da aprendizaxe, a sabedoría, a música e a fala.
Esta antiga lenda India acerca dun neno que descubriu a sabedoría chega a través das palabras escritas polos sabios nos manuscritos das follas de palmeira.
Os libros son os nosos ollos máxicos. Dannos a sabedoría e a información e guíannos polos difíciles e accidentados camiños da vida.MANORAMA JAFA
Cartel e texto en castelán, catalán, euskera e galego, aquí
Categorias: Xeral
Escrito por: Serafín
No hay comentarios:
Publicar un comentario