Máis para o 2005:
En Francia será o ano de Jules Verne (1828 -1905) co gallo do centenario do seu pasamento. Na cidade de Amiens, capital da rexión de Picardía, onde abre as súas portas a Casa Museo do escritor centralizará grande parte dos actos e congresos. Están programadas por todo o país galo unha chea de exposicións e actividades dun autor que en verdade rompeu fronteiras espaciais e temporais.
***
Centenario do nacemento de Miguel Mihura (1909-1977), autor de Tres sombreros de copa e escritor importante nos programas de estudo de Literatura Española, sobre todo no bacharelato.
***
A TVG xa escolleu data, o vindeiro 25 de xullo, para pór a funcionar unha segunda canle, con tecnoloxía dixital e de programación temática, e que emitirá en dixital a finais de ano. Esperemos que ademais de "despregue tecnolóxico" ofreza na grella da programación algo máis ca fútbol, películas de vaqueiros, os Tonechos e Xabarín ata aburrir.
***
O acontecemento deportivo en Galicia será a saída, a finais de ano, desde o porto de Vigo, da Volvo Ocean Race 2005-2006.
***
En Portugal andan co Ano Cultural Inés de Castro, dama nobre galega que foi raíña despois de morta. Este mes comezan as conmemorcións polos 650 anos da súa tráxica morte (lido en Tinta Fresca).
Por outra banda, xa hai dez anos, o 17 deste mes, que nos deixou o grande escritor portugués Miguel Torga (1907-1995). Del é un dos contos máis tristes sobre a noite de Reis que lembro: "O cavaquinho".
Se sabedes doutros eventos para este ano, avisade. Para vós desexo uns Reis carghadiños de cariño... e libros.
Escrito por Serafín.
Comentarios
Antonio dice:
04-01-2005 20:07:25
IM-PRESIONANTE !! No 2005 tamén han falar desta bitácora.
No hay comentarios:
Publicar un comentario