Roteiro polas Bibliotecas Escolares

Esta semana os membros do GBI (Grupo de Bibliotecas Interdisciplinar Intercentros – A Nosa Biblioteca, Biblioafonso e O Segrel do Penedo) decidimos iniciar unha andaina que nos levará polas bibliotecas escolares galegas. Queremos coñecelas in situ, e presentárvolas a través dos nosos blogs. Unha experiencia máis do traballo colaborativo que tanto nos gusta e que esperamos nos sirva para aprender moitísimo das vosas experiencias e do voso bo facer.


Este roteiro comezou polo CEIP Milladoiro de Malpica, unha das catro bibliotecas galegas que conseguiron un dos premios de Boas Prácticas do MEC, aínda que non foi este o motivo que nos levou alí, senón a amizade que nos une con Olga a coordinadora da biblioteca. Olga Rodríguez, unha das “históricas” das bibliotecas escolares galegas, que leva ao fronte desta biblioteca moitísimos anos, é unha das artífices deste merecidísimo premio.


Chegamos a Malpica ás dúas da tarde do xoves 28 de novembro, un día frío pero no que lucía un sol radiante. A nosa anfitriona recolleunos e levounos a comer. A conversa sempre moi interesante, botamos unhas risas, pero queríamos ir á biblio.


Unha vez alí, recorremos todos e cada un dos seus recunchos, que ten varios, todos eles moi acolledores, pero se tivéramos que escoller un só, este sería o da lectura. Dous sillóns ao carón dunha mesa camilla cun precioso atril en forma de rá. Un recuncho que invita a sentarse e disfrutar coa lectura dun bo libro, como “Corre, corre cabaciña” ou “Chocolata”.


Pero se o que nos piden é que elixamos un dos libros dos seus fondos, sen lugar a dúbidas ese libro estaría na sección de creación propia, e de todos os que alí hai nos quedamos co Diccionario de Palabras Bonitas. Canto disfrutamos lendo algunhas das súas entradas! Un traballo excelente!


Foi unha experiencia inesquecible. Coñecimos a Mari Carmen e a Laura membros do equipo da biblioteca , a Maria , a José Manuel Villar, a Jesús, a Lino e a Carmen compoñentes todos eles do GT do blog. O profe “aproveitou” moi ben o tempo e tamén nesta visita falou de blogs e por suposto do blog desta biblioteca. Aos dous días de estar alí saíron á blogosfera!!


Queredes saber como rematamos a tarde? Pois como non podía ser menos, nunha cafetería de Malpica, frente ao porto e falando de bibliotecas, de libros, de proxectos de futuro.... Que máis se pode pedir?


Grazas Olga por unha xornada tan fantástica e parabéns a todos e todas os que facedes posible unha biblioteca con tanta maxia. Encantounos!!



5 comentarios:

Ronsel dijo...

Menuda m...! E onde está o HOME???

Chispa dijo...

Que envexa de Biblioteca... e de bibliotecaria... Noraboa a Olga polo seu labor e noraboa a vós por esta fenomenal idea. Un saúdo agarimos da Bibloteca do CEIP de Pazos.

Bibliobrey dijo...

Noraboa pola idea de ir recorrendo outras bibliotecas.Que envexa de non poder estar con vós, coñecer a Olga e felicitala en directo polo seu traballo.

Biblioteca do CEIP Fermín Bouza Brey

Anónimo dijo...

Por terceira vez, recalco que me parece marabillosa a biblio, sigo a insitir na invitación a comer e por último proclamo a toda voz
VIVA O TRABALLO EN COMUNIDADE, TODO CON ALEGRÍA E COLABORACIÓN SAE MELLOR, MOITO MELLOR
Marina

Anónimo dijo...

Pero que ben o pasades...