Regueifando nas Mariñas.

OBRADOIRO DIDÁCTICO DE REGUEIFAS .

O pasado día 10, o noso alumnado de 4º de ESO, xunto con varias profesoras, tivemos o privilexio de vivirmos as regueifas moi de preto. Contamos coa arte retranqueira e regueifeira de PINTO D’HERBÓN e LUÍS “O CARUNCHO”. Seguiron a mecánica habitual da Regueifa: presentáronse, saudaron ao público das Mariñas e continuaron botando coplas acompañadas da zanfona de Pinto d’Herbón, meténdose un co outro ou bromeando sobre calquera aspecto do público (os pantalóns rachados, os pendentes nos mozos, os pelos de punta, a idade das profesoras ou o atractivo dunha delas…).



Nun ton festeiro e retranqueiro disfrutamos coa arte destes regueifeiros. Logo, nunha segunda parte, explicaron a estrutura das coplas, o ritmo e a rima. A seguir todos colaboran na creación e canto de regueifas, de desafíos entre mozos e mozas ou entre compañeiros.

En fin, foron dúas horas moi entretidas, creativas, lúdicas e formativas, que avaliamos moi satisfactoriamente. Os asistentes puidemos coñecer a teoría sobre a regueifa e tamén a práctica. Só nos resta agradecermos á Asociación O.R.A.L. de Galicia ternos ofertado esta actividade que resultou moi interesante e que agardamos repetir noutro momento do curso académico. Como proba do que aprendimos velaí vai unha copla que as profes improvisamos:

No Inserso non estamos.
Somos profes moi marchosas.
Se queredes demostramos
as nosas dotes rumbosas.

Ou estoutras de despedida dos nosos alumnos:

Moitas grazas regueifeiros
por este momento grato
os alumnos das Mariñas
vimos de rir um pedazo.

Ao que eles respostaron:

Que non se acabe o humor
nesta terra tan fermosa.
Que haxa xente coma vós.


Se vos soubo a pouco podedes regueifar na rede no "Chat-Desafío".

Graciñas Dores, Marisé

por facer de xornalistas

para este noso blogue

e cubrir esta noticia.


E para coñecerdes un pouco máis desta nosa tradición popular, atoparedes na biblioteca:

Cántigas populares. Antón Santamarina. R. 2065.
Cancións de aquí e de acolá. Paulino Pereiro. R. 8504.
Cancioneiro musical de Galicia. Casto Sampedro y Folgar. R. 3605.

2 comentarios:

O Segrel do Penedo dijo...

Grazas Antonio por ter
moitas gañas e capacidade
para darnos a coñecer
da web as posibilidades

Que non sexa por regueifa!!
Unha aperta dende Fene

Antonio Alonso dijo...

tremendaeres !!!!!!!!!