Casualidades da historia converten o 3 de febreiro na data da morte de Gutenberg e o “nacemento” do primeiro libro en Galicia. O primeiro incunable galego coñecido ata o momento, o Misal Auriense, saíu dun prelo instalado no castelo de Monterrei no ano 1494. É dicir, máis de corenta anos despois do invento de Gutenberg e no final da datación dos incunables.
O importante é existencia dun prelo no val de Monterrei xa no século XV ao cargo dos impresores Gonzalo Rodríguez de la Passera e Juan de Porras. Por certo, non teñen ningunha rúa dedicada en Verín, pero cando en Chaves intentaron bautizar unha como Rúa Passera e Porras a xente protestou pola súa ambigüidade obscena en portugués.
Do Missale secundum usum Auriensis ecclesiae fixéronse dúas tiradas: unha en pergamiño, conservada na actualidade no Museo Catedralicio de Ourense; e outra en papel, na Biblioteca Nacional. A obra descríbese como libro en folio de 33 cm e 265 follas, editado a dúas columnas con letra gótica e inclúe a tipografía musical co pentagrama en tinta vermella. No castelo de Monterrei pode verse unha reprodución de onde tiramos a foto.
Tamén en Castro de Baronceli
1 comentario:
Benvido de novo e grazas pola túa colaboración.
Publicar un comentario