Este é un artigo elaborado polo Seminario de lingua e Literatura Galegas.
O Seminario de Lingua e Literatura Galegas considera fundamental para a formación do alumnado a lectura, polo que en cada avaliación inclúe unha obra de lectura obrigatoria, que forma parte da materia a avaliar.
Á hora de seleccionar as obras de lectura temos en conta distintos criterios, un dos fundamentais é o lúdico, ler é divertido; polo que buscamos obras atractivas, tendo en conta a idade.
Ademais das obras de carácter obrigatorio, este curso no segundo ciclo da ESO incorporamos libros de lectura voluntarios, coa finalidade de suxestionar outros títulos interesantes, que serán elexidos entre a relación facilitada, que serán comentados na aula polos alumnos que os lean, tentando recomendarllos aos compañeiros/as. O obxectivo das profesoras do Seminario é animalos a divertirse lendo.
“ Que pracer, amigo, o de ler.
Ler deitado na cama.
Ler no autobús.
Sentado no metro. No tranvía. No tren. Evadíndose na sala de espera do dentista, mentres o morboso torno anda a rosmar.
Ler O fútbol a sol e sombra, de Eduardo Galeano, nun banco do parque, mentres agardamos que os colegas traian a bóla máxica para darlle unhas patadas.
Ler a Conrad e Stevenson na bocana do porto, vendo entrar e saír os barcos.
Ler a Poe no alto dun acantilado, escoitando o remuíño do mäelstrom abaixo, ou nunha casa vella a derrubarse, co vento ouleando no tellado, A Decadencia da Casa Usher.
Ler, no cuarto de baño, unha novela negra (gánsters, lixo, diñeiro roubado, políticos corruptos, tipos cun ricto de boxeador noqueado e aceno canalla…), tirando, ao final, da cadea para facer pracenteira unha catarse.
Ler, no derradeiro pupitre da aula, mentres o profesor dá a vara cos logaritmos neperianos, A quimera do ouro ou O Derradeiro dos Mohicanos.”
Xavier Seoane, Atravesar o espello.
Fagámoslle caso ao noso poeta herculino e leamos.
E desde este caderno queremos ir máis alá, queremos compartir a lectura, non só coas nosas alumnas e alumnos, senón con todos vós. Ofrecémosvos, pois, algúns dos títulos propostos como lecturas complementarias para 3º e 4º da ESO desde o departamento de Lingua e Literatura Galegas. Gustaríanos que esta restra aumentase coas vosas achegas. Non ten que ser só para este ciclo. Coméntádenos que vos parecen as nosas opcións e que obras funcionaron ben nas vosas experiencias docentes.
“ Se consideramos as grandes lecturas que lle debemos á escola, á crítica, ou a calquera forma de publicidade, ou polo contrario, ao amigo, ao amante, ao compañeiro de clase, á familia —se non é das que só admiten os libros “de estudo”— o resultado estaría claro: o máis fermoso que lemos debémosllo case sempre a un ser querido. E a un ser querido é a quen primeiro llo contamos. Se cadra, precisamente, porque o propio do sentimento e do desexo de ler, é preferir. Amar é, a fin de contas, ofrecer as nosas preferencias a quen nós preferimos. E este compartir enche a invisible cidadela da nosa liberdade. Estamos habitados por libros e por amigos.”
Eduardo Galeano, Como unha novela.
Esperamos ampliar o noso universo de amigos coas vosas achegas. Graciñas.
Libros de lectura obrigatoria
Recomendación de libros de lectura
1 comentario:
Non só estou seguro que atoparán o pracer da lectura e divertiranse lendo os vosos alumnos, tamén estou convencido que tendes moito que ofrecer a todos os lectores deste blog
Publicar un comentario