CEIP José Cornide
Despois dunha comida moi agradable, veu un fantástico café que durou un par de horiñas. Canto falamos de bibliotecas (é a nosa teima!), das nosas experiencias, dos nosos proxectos, e de moitas cousas máis…. E chegou o momento que tanto esperabamos, marchamos para o cole. O sol xa se tiña retirado o que lle dou á entrada no José Cornide un certo aire de misterio. Era a antesala perfecta dunha visita que non poderemos esquecer.
Recibiunos o Sr. Rato. E pensar que eu lles teño fobia a eses "pequenos roedores", pero o que aconteceu co Sr. Rato foi, amor a primeira vista!! Engaiolounos nada máis coñecelo, é agarimoso, doce, encántanlle os libros, como a nós, e como cicerone non o hai mellor.
Levounos a todas as aulas, á sala dos profes (Vaia PEC máis ben traido, si señor!!), subiuse ao escenario e deixou para o final a biblioteca. Como é de tremendo, sabía que estabamos desexando coñecela.
E ao entrar alí, entramos nun mundo de ilusión e fantasía que nos fixo volver aos nosos anos mozos (e mirade que xa choveu!!!)
Ali estaban Pinocho, a Carapuchiña vermella e a súa cestiña, o cofre da Illa dos tesouros, a bruxa e a súa escoba, o zapato de Cenicienta, o Mago Merlín, o sillón dos grandes personaxes (que probou, como non podía ser menos, o noso Mago particular), e todo iso rodeado de miles de contos e historias marabillosas.
Pero algo fantástico estaba a piques de ocorrer... cando xa pensamos que o tiñamos todo visto o Sr. Rato levounos ao camerino. Meu Deus, pero que era aquilo? Nin máis nin menos que todo o necesario para que os nenos e nenas do Cornide poidan ver os seus soños feitos realidade, para que nun segundo aparezan alí todos e cada un dos seus personaxes preferidos. Si, si, non estamos a esaxerar nin unha miaxiña. Alí hai perrucas, plumas, abanicos, sombreiros, pinturas, maquillaxes, xoias estupendas, traxes de princesa, de indio, de xitana... Eran tantos os sentimentos e emocións que estabamos a sentir, que o Sr. Rato decidiu acougarnos léndonos un dos moitos contos preciosos que alí teñen, escritos polos rapaces . E que ben le o condenado!
E despois da lectura, a visita chegou ao seu fin.
Querido Sr. Rato, canto disfrutamos!!
Tamén nos outros GBI Blogs
Outros Roteiros:
CEIP Milladorio-Malpica
1 comentario:
Ala que lugar tan marabilloso, xa viramos algo no blog do colexio pero tantas fotos e tantos detalles son unha alegría para vista e para o espíritu. Como me gustaría volver a ser nena nesa biblioteca, e máis creo que non me gustaría crecer, QUE LUGAR TAN IDEAL... respira lectura e ilusión por todas partes. Noraboa a Juana e a todo o seu equipo e para vos moito bicos e que continuedes de visita...
MARINA
Publicar un comentario