Roteiro polas Bibliotecas Escolares (V): O IES Alexandre Bóveda


Acta, informal, do acontecido a mediados de maio en Vigo e arredores:

O comité de recepción (Beni) na porta principal. O señor director no recibidor. O xefe de estudos pendente da nosa chegada. Que ben saben facer as cousas no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Como se esmeran cando son visitados-inspeccionados polo inspectores de bibliotecas escolares.


Os GBI (A nosa biblioteca, Biblioafonso e O Segrel do Penedo) tivemos insistentes chamadas para visitar a biblioteca deste centro de Vigo. Mesmo tivemos que pospoñer outra visita xa concertada con anterioridade. Que nos quería amosar Beni? Cal era a razón da súa insistencia?

No recibidor do centro xurde, desde o século XIX, Xulio Verne. O globo dalgunha das súas famosas novelas sobrevou as nosas cabezas. Todo o que se pode expoñer sobre o autor francés, incluso a noticia da súa presenza en Vigo, está amosado na completísima exposición que enche de vida os corredores do Alexandre Bóveda. Traballo de moitos meses reflectido nas paredes.

Pero, onde estaba a biblioteca?


Por fin, tras múltiples explicacións sobre a colaboracións dos departamentos (magnífico polbo realizado por Cristina de plástica) e os contidos da exposición, conseguimos entrar na biblio. Mais, que é unha biblioteca? un almacén de libros ordenados, tan só iso? Sofás, ordenadores, televisor, canón de vídeo, dvds, revistas e libros, moitos libros nun espazo atractivo e agradábel. Polo tanto, se xulgáramos a calidade dunha biblioteca pola utilización que dela fan os seus principais destinatarios (o alumnado) o IES Alexandre Bóveda, conta cunha extraordinaria biblioteca. Biblioteca que non só ten un curruncho para Xulio Verne senón que tamén ten un zombi, si, si, un auténtico zombi para animar á lectura e á busca de información. Ai se o seu traxe falara!!!

Tras a inspección, degustamos?, devoramos? un suculento guiso de peixe no restaurante Camineira en Aldán acompañados por todo o grupo da Biblio. Foi unha comida ben agradábel na que rimos e falamos de libros, dinamización, Bibliotecas Escolares, reivindicacións...

E despois da comida que? Unha viaxe na que quedamos abraiados coa beleza desta ría e impactados coa fermosura do conxunto arquitectónico de santo André de Hío. Difícil será superar a calidade da acollida recibida polos GBI. Quen se atreverá a organizarnos a seguinte inspección deste grupo despois da visita a Vigo-Aldán?

Grazas Super Beni, Sara, Cristina, Paco... a nosa primeira saída oficial fóra da provincia da Coruña tivo un resultado excelente.

Que se vaian preparando por Monforte!!!




Outros Roteiros

IES de Arzúa


CEIP Milladoiro-Malpica

CEIP José Cornide (A Coruña)

IES Uxio Novoneyra (A Coruña)

Tamén nos outros GBI Blogues

Biblioafonso

O Segrel do Penedo

1 comentario:

Anónimo dijo...

Non hai nada coma unha comida á beira da ría de Aldán para que saian as críticas positivas. Tomade nota.