8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

E mentres haxa que seguir celebrando esta data, será indicador de que a súa discriminación segue vixente. Máis aínda: e non habería que modificar o lema de “día da muller traballadora”? Non sería máis correcto dicir “día da muller traballadora asalariada”. Acaso para miña nai, ama de casa a xornada completa, non é tamén o seu día? “A linguaxe reflicte os prexuízos da persoa que a emprega”, xa o dicía Peter Singer (malia que o seu apelido traia para moitas costureiras connotacións pexorativas), e podedes ver exemplos dese uso sexista da linguaxe no taboleiro da entrada do instituto, xunto con debuxos das nosas alumnas Marta e Tamara.



Unha relación de mulleres premios Nobel, de mulleres destacadas na nosa historia, e de verdades coma puños para facernos reflexionar un pouco.

E na biblioteca non só había unha exposición de títulos como: Arredor da muller en 18 mundos; Las mujeres que leen, son peligrosas; Mulleres decisivas; Mujeres científicas de todos los tiempos…,tamén se recitaron poemas e leron os contos da Cincenta e da Carapuchiña vermella, iso si, nunha versión non sexista, a de James FINN GARNER en: Contos infantís politicamente correctos. E cantaron, porque a música sempre estivo intimamente ligada de seu á muller. E tivemos voces masculinas recitando e cantando, voces ceibes de covardes prexuízos machistas celebrando e compartindo con nós o noso día.

E mentres que o salario medio da muller con relación ao do home sexa menor celebrarei este día. Fareino mentres que unha de cada 3 mulleres no mundo sufra algún tipo de abuso, mentres que a primeira causa de mortalidade das mulleres entre 15 e 44 anos sexa a violencia, mentres siga a haber cada día máis de 5000 nenas ás que lles practican a brutal ablación do clítore.

Iolanda SM

No hay comentarios: