A Fala

Picando aquí e acolá no extenso listado de enlaces de bibliotecas on-line no enderezo facilitado por Julián desde Sada, descubro unha en galego da que non tiña noticia. É a Biblioteca Virtual Eonaviega. Dixen en galego, aínda que desde que estiven en Ribadeo gusto moito da denominación A Fala para as variedades de galego-asturiano entre os ríos Eo e Navia. Non ofrecen moitos libros, pero entre eles está El Principín de Antoine de Saint-Exupéry.
Quizais a situación cambiase nos últimos tempos, pero lembro que tampouco nas bibliotecas do occidente de Asturias (A Veiga-Vegadeo, Castropol, Tapia) existía moita oferta de libros en galego. O tema ten máis dunha complicación política de incómoda abordaxe.
Máis agradables son as mostras de colaboración e intercambio cultural. Penso por exemplo na doazón de libros. Para as obras en galego só se coñece unha experiencia deste tipo para as bibliotecas e colexios do Bierzo leonés de fala galega (Fundación Vía Galego).

Escrito por: Serafín

No hay comentarios: